Abella mestra

A abella mestra[1] ou abella raíña[2] é unha das tres castes que teñen as abellas melíferas. É a única femia fértil que pon ovos fecundados que dan orixe a abellas obreiras infértiles e pon ovos non fecundados que dan orixe a abellóns fértiles, por un mecanismo denominado partenoxénese.
Ciclo de vida de Apis mellifera
[editar | editar a fonte]As abellas melíferas sobreviven ao inverno como colonia, a abella mestra comeza a desovar na primavera. Isto é probablemente activado polas floracións das que liban o néctar, abundantes xa nesta época. A mestra é a única femia fértil e deposita os ovos dos cales nacerán todas as demais abellas. A abella mestra non abandona a colmea, salvo durante os voos de fecundación, ou cando se produce un enxame para dar lugar a unha nova colonia. A mestra deposita os seus ovos, en panais de cera que as obreiras constrúen con celas hexagonais. O ovo despois do terceiro día transfórmase nunha pequena larva que é alimentada por abellas ama de cría ou nutrices (abellas obreiras xoves). Logo dunha semana, máis ou menos, dependendo da especie, a larva é selada na súa cela por abellas ama de cría, producíndose o estado de ninfa ou pupa. En aproximadamente outra semana (novamente dependendo da especie), a ninfa emerxe como unha abella adulta.
As mestras non son criadas nas típicas celas horizontais do panal, senón que as súas celas son construídas para ser de maior tamaño e en posición vertical. Cando a mestra remata a súa etapa de alimentación larval e se converte en pupa, desprázase a unha posición cabeza abaixo, desde a cal logo come a súa cela para saír. Durante a etapa de pupa, as abellas obreiras tapan ou selan a cela real. Xusto logo de emerxeren das súas celas, a miúdo as abellas mestras producen un son o cal crese é un reto a outras mestras a batallar.
As abellas mestras viven unha media de tres anos. As obreiras viven períodos moito máis breves, de menos de tres meses en media, aínda que esta é unha estimación variable que depende tanto da época estacional como da carga de traballo.
As abellas mestras liberan feromonas para regular as actividades da colmea. Moitas abellas obreiras tamén producen feromonas para comunicarse con outras abellas.
Ciclo da mestra
[editar | editar a fonte]| Tipo | ovo | Larva | Operculado | Pupa | Período de desenvolvemento | Fertilidade |
|---|---|---|---|---|---|---|
| mestra | 3 días | 5 1/2 días | 7 1/2 días | 8 días | 16 días | aprox. 23 días |
Funcións da abella mestra
[editar | editar a fonte]A abella mestra é a nai de toda a colonia, segundo poña un ovo fecundado del obterase unha abella obreira (femia); ou ben dun non fecundado obterase un abellón (macho).
Os ovos fecundados destinados á produción de obreiras poraos nas celas hexagonais dos panais de cera que teñan 6 milímetros de diámetro; mentres que os ovos destinados á produción de abellóns poraos en celas de 8 milímetros. A mestra produce unha serie de feromonas que teñen por función evitar que as obreiras desenvolvan postura, marcando a colonia enteira mediante un comportamento de trofalaxe que resulta de entregárense a comida boca en boca. Produce outras feromonas destinadas a outras finalidades.
Como se produce unha mestra dentro da colmea
[editar | editar a fonte]A mestra é unha larva alimentada por secrecións das abellas obreiras ama de cría durante toda a súa vida. A cela que dará orixe a unha mestra é denominada cela real, ten a forma alongada, de aproximadamente 2 a 2,5 centímetros de longo. As abellas obreiras ama de cría encherán esta cela real cunha substancia que segregan denominada xelea real, operculándoa (pechándoa) ao 8º día, e ao día 16 da posta do ovo emerxe a mestra virxe.
A mestra é a única femia que está completamente desenvolvida sexualmente. Isto é o resultado dunha dieta total de xelea real durante o período de desenvolvemento. Distínguese pola súa aparencia longa e delgada causada polo desenvolvemento completo dos ovarios no abdome. Ten un aguillón sen puga. Aproximadamente cinco días logo de saír da cela, a mestra virxe fai uns voos de fecundación. Fai varios voos nun período de dous ou tres días, e pode copular con dez ou máis abellóns. Garda o esperma dos abellóns nun órgano especial, a espermateca, e non copula máis logo deste período. Na colonia atópase na área do niño de cría.