Retrete

Denomínase retrete, inodoro ou váter o elemento sanitario empregado para recoller e evacuar os excrementos humanos a fin de dirixilos cara a unha instalación de saneamento (mediante un peche de sifón de auga limpa); así mesmo impide a saída dos cheiros da cloaca cara aos espazos habilitados para a micción e defecación. Xeralmente os inodoros fabrícanse de porcelana, aínda que tamén poden atoparse de louza ou de aceiro inoxidábel. Por outra banda, o termo retrete, por extensión, tamén pode facer referencia xa non só ao elemento sanitario en si mesmo, senón ao cuarto enteiro onde están dispostas as instalacións sanitarias e que polo tanto é o recuncho destinado á evacuación das necesidades.

Historia
[editar | editar a fonte]
Antigüidade
[editar | editar a fonte]
A historia dos baños, e xa que logo do retrete (que os romanos nomearon orixinariamente matulla), transcorre paralela á orixe da civilización. Tan pronto como aparece un grupo de persoas reunidos e cohabitando nun mesmo lugar, aparece tamén a necesidade dun sistema para evacuar os lixos e os excrementos. Cidades como Harappa e Lothal foron as primeiras en contar cun sistema de baños independente en cada casa e unidos por drenaxes cubertos de ladrillos de arxila cocida previamente. Atopáronse así mesmo sumidoiros en ladrillos similares en Mesopotamia, así como tubos en terra cocida nos pazos minioanos, que transportaban a auga baixo presión. As augas utilizadas transportábanse en gabias. Sistemas similares existiron en Exipto e mais na China. Nos primeiros baños públicos as persoas poñíanse en crequenas enriba do burato, no cal caían os excrementos rapidamente evacuados pola auga dos sumidoiros. Os ouriños fluían nun regueiro disposto no chan.
De calquera maneira, foi na Antiga Roma onde foron descubertas as disposicións sanitarias máis coñecidas. Estes, os romanos, tiñan deuses para o que hoxe chamamos saneamento. Así, o deus Stercutius estaba consagrado ao esterco, Crepitus ás flatulencias, e unha deusa, Cloacina, encargábase de velar polo sumidoiro principal. Porén este sistema de cloacas, coñecido co nome de Cloaca Máxima, recolectaba só mediante o emprego da auga caída coa choiva. O funcionamento era abondo sinxelo: os excrementos eran vertidos nas rúas, onde se acumulaban nunha canle central até que a choiva os arrastraba. Non obstante, o destino das augas fecais eran os barrios periféricos, polo que non acababa de ser un sistema de saneamento de todo eficaz.
En Roma, polo xeral, os patricios facían uso dos penicos, que eran baleirados polos seus escravos. O emperador Heliogábalo era coñecido por posuír penicos feitos cos mellores materiais. Por outra banda, a plebe tiña acceso aos baños públicos, concibidos para evacuar os excrementos (a auga circulaba transportándoos por baixo do burato) e os ouriños (polo regueiro no chan). Nalgúns casos, os ouriños eran recuperados por tintureiros e lavandeiros co gallo do desengraxe da roupa.
Tamén noutros lugares comunitarios como os mosteiros se atopan exemplos de saneamento. Os budistas da actual Sri Lanka empregaban daquela botes porosos para filtrar os ouriños, mentres que os excrementos eran reutilizados como fertilizante. Esta reutilización dos excrementos repítese en numerosas civilizacións onde a agricultura era preponderante: arredor do 90% dos excrementos son reutilizados aínda na China actual, e o mesmo sucedía en Londres até a revolución sanitaria do século XIX, onde as foxas das instalacións eran baleiradas manualmente pola noite, e os excrementos eran secados e, unha vez enxoitos, transportados sobre carretas e pontóns cara aos campos de Hertfordshire e de Hampshire.
Idade Media
[editar | editar a fonte]

A Idade Media marca unha separación entre Europa e Asia. En Asia, os excrementos son reutilizados a miúdo como fertilizante, a través dun sistema organizado. Tal foi o caso do