Super 8
- Este artigo trata sobre o formato cinematográfico, para o filme véxase Super 8 (filme).


O Super 8 é un formato cinematográfico que utiliza un fotograma que mide 8 mm de ancho. Foi un formato especialmente pensado para os cineastas afeccionados e rapidamente foi adoptado polos curtametraxistas que comezaban ou que desexaban experimentar en liberdade. Coa chegada do vídeo, desapareceu practicamente. Tamén se empregou como un medio barato para experimentar ou para rodar localizacións.
As cámaras Super 8 filman a 18 imaxes por segundo e empregan 4,5 metros de cinta por minuto, aínda que cando son utilizadas profesionalmente deben facelo a 24 imaxes por segundo e utilizando 6,1 metros por minuto. As películas están bobinadas en carretes de 15 metros. A maioría das cámaras Super 8 están provistas dun só obxectivo zoom que non se pode cambiar.
Historia
[editar | editar a fonte]Antecedentes (1932-1965)
[editar | editar a fonte]En 1932, o fundador da famosa compañía Kodak lanzou un novo formato de cine chamado "Ciné Kodak eight" ou "8 estándar" coa característica de que utilizaba un fotograma de 8 mm de ancho.
Foi posto en venda no mercado para uso doméstico co obxectivo de chegar ao alcance de todos e permitir que todo o mundo tivese accesibilidade á creación de películas familiares ou proxectos afeccionados. Con este produto, Kodak quixo facer unha boa competencia a outros formatos domésticos como o de 16 mm, de maneira que este novo formato resultaba moito máis económico.
A idea de Kodak era a creación dunha cámara que filmase sobre a metade dunha película de 16 mm, de maneira que cando acabase de filmar esa metade era necesario darlle a volta para que a cámara puidese filmar na outra metade.
A película viña en rolos de 7,5 metros de longo.
Unha das grandes vantaxes que tiña este formato era que empregaba a mesma maquinaria de revelado que a utilizada para o formato de 16 mm abaratando considerablemente o seu custe e conseguindo un produto moi competitivo.
Nacemento (1965)
[editar | editar a fonte]Nesta etapa xurdiron os tres subformatos máis importantes: o Super 8, o Dobre Super 8 e o Single 8. A aparición de todos estes formatos tiña o obxectivo de lograr unha evolución do formato de 8mm.
Super 8
[editar | editar a fonte]No ano 1965, Estman Kodak introduciu no mercado unha nova e mellorada versión do xa coñecido formato de 8 mm chamado "Super 8". A razón de que o chamase "super" foi debido ás vantaxes que ofrecía con respecto ao formato estándar de 8 mm. Grazas á aparición deste novo formato, a compañía de Kodak conseguiría un maior uso de película e un aumento considerable das súas vendas. Este novo formato ofrecía unha maior calidade e diversas melloras:
- Un aumento considerable da definición.
- Un cartucho de quita e pon co obxectivo de facilitar a carga da película. Para isto introduciuse a película nun cartucho cunha capacidade de 15 metros.
- Simplificación da elección de película: estandarizouse o uso de película e liberou o usuario da elección dos distintos tipos de película que había anteriormente. O máis famoso foi a película de cor Kodachrome II que se converteu no estándar.
- Incorporación dun filtro Wratten 85A no interior das cámaras.
- Automatización do diafragma das cámaras cun sistema fotorresistente de Sulfurio de Cadmio.